Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de persoas que lograron fitos importantes neste ámbito. Nesta ocasión, centrámonos na figura de Ángela Ruiz Robles, mestra, escritora e inventora. Revolucionou a metodoloxía da educación, foi responsable da primeira enciclopedia mecánica e considérase a precursora do primeiro libro electrónico.
Quen foi Ángela Ruiz Robles?
Ángela Ruiz Robles naceu en Villamanín (León) en 1895 e morreu en Ferrol en 1975. Dedicou toda a súa carreira ao ensino, exercendo como profesora e directora de varias escolas, pero tamén destacou pola súa notable traxectoria como inventora.
Ruiz Robles cursou os seus estudos superiores na Escola de Maxisterio de León, coñecida naquel entón como a Escola Normal de Mestras. En 1915, obtivo os títulos de Taquigrafía, Mecanografía e Contabilidade Mercantil, e dedicouse ao ensino destas materias nesa mesma institución durante dous anos. En 1917, traballou como docente e directora na Escola de Gordón en León. Ao ano seguinte, en 1918, conseguiu un posto como mestra en Santa Uxía de Mandiá, unha aldea próxima a Ferrol, onde permaneceu ata 1928 e, na que, en 1925, recibiu o recoñecemento dos veciños e veciñas pola súa dedicación e atención desinteresada. Durante a súa carreira docente desempeñou un papel importante na xerencia da Escola Nacional de Nenas do Hospicio, axudando a nenas desfavorecidas para que non quedasen atrás e como mestra na Escola Obreira gratuíta. O seu labor como educadora estivo marcada polo seu interese en motivar a aprendizaxe e pola innovación das súas propostas para conseguilo, buscando sempre a maneira de facilitar o ensino ao seu alumnado e achegando un enfoque inclusivo. Ademais, desenvolveu métodos educativos eficaces para alumnos e alumnas con diversidade, chegando a acudir ás súas casas para proporcionarlles unha axuda extra.
Como inventora, puxo en marcha varios proxectos. O primeiro, en 1916, foi un sistema taquigráfico, que perfeccionou e desenvolveu máis tarde, na década de 1940. Entre os máis destacados, cabe sinalar o atlas científico-gramatical, deseñado para ensinar aspectos da España a través de leccións de gramática, sintaxe, morfoloxía, ortografía e fonética e a primeira enciclopedia mecánica. Esta última consistía nunha caixa de cor verde pálida do tamaño dun libro de texto que permitía ler palabras en calquera idioma e sobre calquera tema. O seu obxectivo era alixeirar a carga de libros do estudantado. O invento foi rexistrado en 1949 e ela mesma dirixiu persoalmente a construción do primeiro prototipo. Esta enciclopedia considérase precursora do libro electrónico.

Tamén se dedicou a escribir e dar conferencias, ademais de editar e reeditar a maior parte da súa obra científica, un total de dezaseis libros. A súa traxectoria mostra ideas moi avanzadas para o seu tempo, que seguen vixentes na actualidade.
Por que é tan importante a súa contribución á igualdade laboral?
É indubidable que o labor docente e inventora de Ángela Ruiz Robles contribuíu a reforzar a presenza das mulleres en ámbitos nos que ata entón era limitada. Con todo, a súa achega máis importante en termos de inclusión e igualdade, foi o traballo que realizou para a formación gratuíta de persoas traballadoras e con poucos recursos. Na academia que creou na súa casa impartía clases de día e capacitación para estudantes de escasos recursos pola noite.
Ao longo da súa carreira recibiu diversos recoñecementos: Medalla de Ouro e Diploma na Exposición Nacional de Inventores (1952), a Cruz da Orde Civil de Alfonso X o Sabio polas súas innovacións no campo da educación, a investigación e a labor social (1956), Óscar á Invención na Feira de Zaragoza (1957), Medallas de Bronce (1957 e 1958) e de Prata (1963) na Exposición Internacional de Inventores de Bruxelas, Medallas da Exposición Iberoamericana de Sevilla (1964), do Salón Internacional de Inventores de Xenebra (1970) e do Salón da Inventiva de Madrid (1970). Ademais, foi nomeada Xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional (1973) e foi membro da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional en calidade de Enxeñeiro en Inventiva e Investigación Científica.
A pesar de que non logrou o apoio necesario para a produción masiva da súa enciclopedia, o prototipo exhíbese no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía na Coruña, visibilizando o rol que desempeñan as mulleres no avance científico e tecnolóxico. Desde o ano pasado, os Premios Excelencia Académica outorgados pola Xunta de Galicia levan o nome de Ángela Ruíz Robles.
