Novidades en materia de igualdade laboral

Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

5º ENCONTRO ‘A IGUALDADE, UN ACTIVO PARA A EMPRESA’

O 5º encontro ‘A igualdade, un activo para a empresa’, organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña e apoiado pola Xunta de Galicia, celebrouse o pasado outubro e contou coa presenza do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández López. O foro pretende poñer en valor a igualdade laboral dentro das empresas para lograr alcanzala de maneira real, aproveitando as medidas incentivadoras que existen e sorteando as posibles barreiras e dificultades que se poden atopar á hora de implantala.

RECOÑECEMENTO DAS EMPRESAS QUE DESTACAN NA APLICACIÓN DAS POLÍTICAS DE IGUALDADE

No marco das reunións do Grupo de Traballo de Igualdade Laboral, abordouse a certificación galega de excelencia en igualdade, un recoñecemento impulsado polo Executivo galego para distinguir ás empresas galegas que destacan na aplicación das políticas de igualdade de xénero, como a eliminación da discriminación salarial ou o impulso da formación en materia de igualdade entre as persoas con responsabilidade na empresa. Este selo pretende ser unha medida máis no marco da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un ámbito que se seguirá impulsando decididamente en 2025 con medidas como os apoios para promover a presenza da muller en profesións masculinizadas -dotada con 1,7 millóns de euros- ou o reforzo do campus en liña de Igualdade Laboral.

3ª EDICIÓN DO PROGRAMA QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

A Xunta de Galicia resolveu a convocatoria da 3ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, a primeira para o curso 2024-2025. Así, no marco da iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un total de 97 centros de secundaria acollerán charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e agrupacións industriais de sectores con escasa representatividade feminina. Durante as mesmas, abórdanse cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais. Tamén poñen en valor a mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.

Nivel nacional

APOBACIÓN DO DESENVOLVEMENTO REGLAMENTARIO DAS MEDIDAS PARA A IGUALDADE E NON DISCRIMINACIÓN DAS PERSONAS LGTBI NAS EMPRESAS

Publicouse o Real Decreto 1026/2024, do 8 de outubro, que desenvolve o conxunto planificado de medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI nas empresas. Este desenvolvemento normativo da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI establece un marco que contempla os recursos e estratexias que as empresas deben adoptar para asegurar unha contorna inclusiva e exenta de discriminación. As empresas con máis de 50 persoas traballadoras están obrigadas a adoptar un conxunto de medidas, que debe incluír un protocolo de actuación fronte ao acoso e violencia cara a persoas LGTBI. Para as empresas con 50 ou menos persoas traballadoras, a implementación é voluntaria. Ademais, o Real Decreto estipula un prazo máximo de tres meses desde a súa entrada en vigor para iniciar o proceso de negociación das medidas coa representación legal das persoas traballadoras.

DESAFÍO MULLER RURAL

O programa Desafío Muller Rural é unha iniciativa do Instituto das Mulleres, xestionada pola Subdirección Xeral para o Emprendemento, a Igualdade na Empresa e a Negociación Colectiva de Mulleres, que ofrece acompañamento, asesoramento e formación específica a mulleres do medio rural emprendedoras ou con algunha idea de negocio. O seu obxectivo é contribuír á consolidación das súas empresas e fomentar o autoemprego como unha saída laboral. Ademais, promove a visibilización de modelos de mulleres empresarias e negocios exitosos e sostibles co obxectivo de crear referentes que sirvan de inspiración para outras mulleres. Este proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e enmarcado dentro dos obxectivos do Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes 2022-2025, céntrase en mellorar a empregabilidade das mulleres, que, desde o pasado outubro, poden inscribirse nas súas actividades formativas.

Nivel internacional

INFORME A MULLER, A EMPRESA E O DEREITO 2024

O Banco Mundial publicou o informe A Muller, a Empresa e o Dereito 2024, que mostra as barreiras legais ás que aínda se enfrontan as mulleres no ámbito empresarial. As maiores fendas obsérvanse no acceso a oportunidades empresariais, impedindo que as mulleres desenvolvan plenamente o seu potencial na contorna empresarial e limitando a súa capacidade para iniciar e expandir negocios, acceder ao crédito e participar en condicións de igualdade no mercado laboral.

Os datos solicitados evidencian unha relación fundamental entre a igualdade de xénero ante a lei, o emprego e a capacidade empresarial das mulleres, xa que aquelas rexións que implementaron un maior número de leis de igualdade de xénero exhiben mellores resultados en canto á participación feminina no sector empresarial e no mercado laboral.