Figuras relevantes na igualdade laboral: María Luz Morais, a primeira muller directora dun diario nacional

Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de persoas que lograron fitos importantes neste ámbito. Nesta ocasión, centrámonos na figura de María Luz Morales, pioneira no xornalismo cultural e escritora española do século XX, que se converteu na primeira muller en dirixir un diario de tirada nacional en España. Trátase dunha figura clave do século pasado, que chegou a ser coñecida como “a gran dama da prensa”.

Quen foi María Luz Morales?

María Luz Morales naceu na Coruña en 1889, pero sendo moi pequena trasladouse a Barcelona coa súa familia. Alí estudou no Institut de Cultura per la dona e cursou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Nova. Tras finalizar a etapa universitaria, decidiu exercer o xornalismo, unha profesión pouco habitual para as mulleres da época. O seu primeiro traballo foi na revista El hogar y la moda, que chegou a dirixir durante cinco anos. En 1924, entrou a traballar en La Vangardia, na sección Vida Cinematográfica, para a que asinaba co pseudónimo de Felipe Centeno, e foi a primeira muller en formar parte da redacción. Cando empezou a recoñecerse a calidade do seu traballo, comezou a asinar co seu nome.

As súas críticas cinematográficas captaron a atención da produtora Paramount Pictures, que, despois de convocala a unha entrevista sen saber que era unha muller, contratouna para a asesoría literaria das súas películas. Coa chegada do cinema sonoro, tamén se dedicou á tradución e adaptación dos diálogos.​ Compaxinou todas estas ocupacións cunha colaboración no diario El Sol, onde se encargou da sección La mujer, el niño y el hogar entre 1926 e 1934.

Foi unha muller comprometida cos dereitos das mulleres. Presidiu a Residencia Internacional de Señoritas Estudantes de Barcelona, implicouse na Conferencia Club de Isabel Llorach e trabou amizade con autoras como Gabriela Mistral ou Elizabeth Mudler. Así mesmo, desenvolveu un intenso labor literario, enfocándose na literatura infantil mediante a adaptación de obras mestras da literatura, que foron publicadas na editorial que dirixía, Edicións Araluce. Publicou novelas como Balcón al Atlántico e relatos como os reunidos en Historias del décimo círculo. Tamén representou á Asociación de Escritores Galegos creada en 1936 en Santiago de Compostela e, a principios de xullo de 1936, participou nas celebracións pola aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tras a sublevación militar, La Vangardia queda a cargo dun comité obreiro formado polas persoas traballadoras e ela, como única muller da redacción, é elixida directora. Así, gañarase o título de “A gran dama da prensa”. Ocupa este cargo ata que, en 1939, se destitúen a todos os membros da redacción e se lles prohibe escribir en calquera medio. Con todo, María Luz continuará creando contido baixo pseudónimos como Ariel ou Jorge Marineda.

Por que é tan importante a súa contribución á igualdade laboral?

María Luz Morales aceptou a dirección do diario La Vangardia sen a menor intención de facer política; só quería dedicarse ao xornalismo. Con todo, foi represaliada pola aceptación do posto e estivo encarcerada nun convento de Sarriá habilitado como prisión. A pesar de que retomou o xornalismo coa súa firma, o seu traballo quedou, en certa forma, esquecido. Con todo, o seu papel á fronte do xornal supuxo un avance clave para a visibilización do traballo das mulleres nos medios.

Foi pioneira no ámbito do xornalismo cultural, difundindo as manifestacións culturais do seu tempo desde unha idea global da cultura e non desde a particularidade dunha soa disciplina. O seu saber facer situouna como un referente feminino nos distintos ámbitos nos que traballou: xornalismo, tradución, literatura, teatro, etc. De feito, recibiu numerosos premios e distincións: Medalla e Diploma de Caballero das Palmas Académicas de Francia (1956), Premio Nacional de Teatro (1963), Premio de xornalismo barcelonés Eugenio d’Ors (1970) ou o Lazo de Isabel a Católica (1971), entre outros.

O seu exemplo segue inspirando a moitas mulleres para ocupar espazos de poder e liderado nos ámbitos do xornalismo e o audiovisual. Como recoñecemento á súa figura, creáronse dous premios: o Premio de Xornalismo Feminista María Luz Morales do Observatorio Cultural de Xénero do Concello de Santa Coloma de Gramanet e o Premio María Luz Morales investigación audiovisual da Academia Galega do Audiovisual. Ademais, creouse o Programa María Luz Morales, un campus especializado na información na crítica de cinema e series para honrar a súa traxectoria.