Ao longo da historia, foron moitas as mulleres que desempeñaron un papel fundamental no avance científico. Con todo, as súas carreiras non estiveron exentas de dificultades, xa que nenas e mulleres teñen que enfrontarse a diversos retos e obstáculos para poder acceder a estas disciplinas e, en moitas ocasións, limítanse, imposibilítanse e mesmo invisibilízanse os seus logros e descubrimentos. As normas sociais, os prexuízos, os estereotipos de xénero e as expectativas condicionan as súas experiencias vitais, impactando na calidade da educación que reciben e nas disciplinas que deciden estudar.
Alcanzar a igualdade de xénero nos campos de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM, en inglés) é esencial para lograr os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Todos os países teñen a responsabilidade de eliminar as barreiras que dificultan o acceso das mulleres á educación nestas áreas. Aínda que é verdade que houbo un avance positivo na representación feminina nas disciplinas STEM, aínda existen desafíos que deben abordarse.
Estereotipos de xénero e falta de referentes
A fenda de xénero non se orixina na vida adulta nin nas primeiras etapas laborais, senón na nenez. Desde idades moi temperás, nenas e nenos están en contacto cunha variedade de estereotipos e prexuízos relacionados cos roles de xénero, que inflúen no seu desenvolvemento e no seu comportamento. De feito, un estudo publicado na revista Science revelou que, aos seis anos, as nenas xa tenden a subestimar a súa propia intelixencia en comparación cos seus compañeiros e evitan participar en xogos que parecen requirir moitas habilidades cognitivas. O informe Descifrar o código: a educación das nenas e as mulleres en ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM) da UNESCO xa advertiu, en 2017, sobre a tendencia para educar ás nenas coa noción de que as disciplinas STEM son masculinas, o que lles fai pensar que as súas destrezas nestes campos son inferiores. Este é un dos principais obstáculos para que decidan estudar estas materias.

Ademais, nos primeiros anos de educación, obsérvase unha preocupante escaseza de modelos femininos. Esta ausencia xera unha falta de referentes que dificulta que as nenas se vexan neses roles e que limita a súa capacidade para imaxinar un futuro no ámbito científico. Isto propicia as diferenzas na presenza de mulleres e homes nas distintas disciplinas universitarias, e, como consecuencia, a fenda de xénero que se observa en moitas das áreas de coñecemento científico.
A presenza de mulleres na ciencia en España
Os datos do último informe Científicas en cifras, elaborado pola Unidade Mulleres e Ciencia do Ministerio de Ciencia e Innovación, revelan que, nos últimos 5 anos, a porcentaxe de mulleres que se matricularon en estudos de grao segue sendo superior ao dos homes (56,3 %). Con todo, mantéñense as desigualdades de xénero na distribución de mulleres e homes na educación universitaria en función da área de coñecemento, cunha maior representación de homes nas carreiras e estudos técnicos e de mulleres nos estudos da saúde e de ámbito social e xurídico, así como nos postos de maior recoñecemento e responsabilidade:
- As mulleres apenas representan un 26,5 % do total do alumnado nas ramas de enxeñería e arquitectura.
- A pesar de que a porcentaxe de investigadoras segue aumentando e representan xa o 42% do persoal investigador de España, no sector empresarial, non se reduce a fenda e as investigadoras seguen representando un 31 %.
- Só o 25 % dos reitorados está ocupado por unha muller. O 50 % dos Organismos Públicos de Investigación contan con mulleres como directoras ou presidentas, mentras que o 37 % dos decanatos e o 34 % das direccións de departamento están ocupados por mulleres.
- A medida que avanza a carreira investigadora dentro da universidade, a proporción de mulleres descende, e só 1 de cada 4 cátedras está ocupada por unha muller.
- Existe unha fenda de xénero nas solicitudes de sexenios de investigación nas principais áreas STEM.
A igualdade na ciencia
As fendas de xénero persisten no sistema científico e tecnolóxico español. É necesario buscar a equidade e diversidade para abrir vías a mulleres cuxas achegas nas disciplinas STEM son fundamentais. Por iso, é necesario impulsar políticas de igualdade a todos os niveis. A reforma da lei de Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación dotou ao sistema e aos axentes implicados dun marco común de actuación para a igualdade na investigación e a innovación. Ademais, o marco europeo de igualdade en I+D+i promove diversas liñas de actuación que poden inspirar accións neste sentido:
- A obrigatoriedade de contar con plans de igualdade como ferramenta para o cambio estrutural en centros de investigación e axencias de financiamento solicitantes do programa marco Horizonte Europa.
- A importancia de integrar unha perspectiva interseccional no deseño de políticas e no contido da investigación e a innovación.
- A aposta por unha carreira investigadora e institucións de ciencia compatibles cos coidados e corresponsables.

A isto poden sumarse outro tipo de actuacións:
- Visibilizar mulleres científicas que desafiaron estereotipos e que poden motivar vocacións.
- Comunicar mellor a relevancia destas disciplinas como ferramentas transformadoras da sociedade.
- Incorporar a perspectiva de xénero de maneira efectiva e transversal no funcionamento e a avaliación do ensino e a investigación.