QUE EMPRESAS QUE TEÑEN A OBRIGA DE ELABORAR E IMPLANTAR UN PLAN DE IGUALDADE?

Segundo o Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, están obrigadas a negociar e implantar un plan de igualdade:

  • Todas as empresas de 50 ou máis persoas traballadoras no cadro de persoal. O decreto lei marca tamén un prazo transitorio para a aprobación do Plan de Igualdade por parte das empresas, segundo o tramo de persoal:
    • A partir do 07/03/2020 para as empresas de 151 a 250 persoas traballadoras
    • A partir do 07/03/2021, as empresas de 101 a 150 persoas traballadoras
    • A partir do 07/03/2022, as empresas de 50 a 100 persoas traballadoras
  • As empresas obrigadas por convenio colectivo que lle sexa de aplicación
  • Aquelas que a autoridade laboral acorde nun procedemento sancionador, onde se especificase a substitución das sancións accesorias pola elaboración dun Plan de igualdade.

Para apoiar este obxectivo, no seu compromiso pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nas empresas galegas, a Dirección Xeral de Relacións Laborais convoca anualmente axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal. Concretamente, a liña I da orde de subvencións do ano 2019, publicada no DOG do 24 de xaneiro de 2020, está dirixida á elaboración e implantación de plans de igualdade, tanto de forma voluntaria como en cumprimento dunha obrigación establecida nun convenio colectivo.

 

COMO SE CALCULA O NÚMERO DE PERSOAS TRABALLADORAS DUNHA EMPRESA?

Entenderase por persoa traballadora e por empresa as sinaladas nos apartados 1 e 2, respectivamente, do artigo 1 do texto refundido da Lei do Estatuto das Traballadoras e Traballadores aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Para determinar a obriga de elaborar e aplicar plans de igualdade, o cálculo do número de persoas traballadoras realizarase sobre a totalidade do persoal da empresa correspondente, calquera que sexa o seu número de centros de traballo e calquera que sexa a forma de contratación laboral, incluídas as persoas con contratos fixos descontinuos, con contratos de duración determinada e persoas con contratos de posta a disposición.

En todo caso, cada persoa con contrato a tempo parcial computará, con independencia do número de horas de traballo, como unha persoa máis. A este número de persoas deberán sumarse os contratos de duración determinada, calquera que sexa a súa modalidade, que, estando vixentes na empresa durante os 6 meses anteriores, extinguíranse no momento de efectuar o cómputo. Neste caso, cada 100 días traballados ou fracción computará como unha persoa traballadora máis.

A efectos de comprobar se se alcanza o límite de 50 persoas traballadoras, o cómputo do persoal efectuarase, polo menos, o último día dos meses de xuño e decembro de cada ano.

 

CANDO NACE A OBRIGA DE NEGOCIAR, ELABORAR E APLICAR UN PLAN DE IGUALDADE?

Unha vez acadado o límite que fai obrigatorio o plan de igualdade, calquera que sexa o momento en que se produza este feito, nacerá a obriga de negociar, elaborar e implantar o plan de igualdade. Esta obriga manterase aínda cando o número de persoas traballadoras diminúa por debaixo de cincuenta unha vez constituída a comisión negociadoras e ata que remate o período de vixencia do plan acordado no mesmo ou, no seu caso, durante catro anos.

 

OS GRUPOS DE EMPRESAS TEÑEN QUE FACER UN PLAN DE IGUALDADE OU VARIOS?

As empresas que compoñen un Grupo de Empresas poderán elaborar un plan único para todas ou parte das empresas do grupo, e ese plan negociarase conforme ás regras establecidas no artigo 87 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, se así se acorda polas organizacións lexitimadas para iso.

Esta posibilidade non afecta á obriga, no seu caso, das empresas non incluídas no plan do grupo de dispoñer do seu propio plan de igualdade.

O plan de igualdade do grupo deberá ter en conta a actividade de cada unha das empresas que o compoñen e os convenios colectivos que lles resulten de aplicación. Ademais, deberá incluír información específica de cada unha das extraída dos diagnósticos de situación elaboradas no seno de cada unha das empresas que compoñen o grupo. Deberá, así mesmo, xustificar a conveniencia de dispoñer dun único plan de igualdade para varias empresas dun mesmo grupo.

 

CAL É O PRAZO MÁXIMO DE CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN NEGOCIADORA?

A comisión negociadora deberá constituírse no prazo máximo de 3 meses desde a data na que se acada o número de persoas traballadoras que o fan obrigatorio.

Se as empresas están obrigadas por convenio a negociar un plan de igualdade, deberán iniciar o procedemento de negociación dentro do prazo que estableza o convenio colectivo ou, no seu defecto, nos 3 meses seguinte á publicación do mesmo.

Cando a obriga de elaborar e aplicar un plan de igualdade fose acordada pola autoridade laboral nun procedemento sancionador, en substitución das sancións accesorias, o prazo será fixado nese mesmo acordo.

 

CANTAS PERSOAS DEBEN FORMAR PARTE DA COMISIÓN NEGOCIADORA?

O reparto das persoas con voz e voto na constitución da comisión negociadora efectuarase con respecto ao dereito de todas as persoas lexitimadas para negociar e en proporción a súa representatividade, e non superará o número de 13 persoas en representación de cada parte.

No suposto de que non exista representación legal das persoas traballadoras na empresa, constituirase unha comisión integrada polos sindicatos máis representativos e polos sindicatos máis representativos do sector ao que pertenza a empresa e con lexitimación para formar parte da comisión negociadora do convenio colectivo que for de aplicación. Esta comisión contará cun máximo de 6 persoas por cada parte, quedando validamente integrada por aquela organización ou organizacións sindicais que respondan á convocatoria da empresa nun prazo máximo de 10 días.