Independentemente do cumprimento da obrigatoriedade legal de implantar un Plan de Igualdade, acometer medidas de igualdade efectiva no ámbito laboral constitúe unha responsabilidade empresarial necesaria para avanzar de forma progresiva na consecución da igualdade de oportunidades no ámbito empresarial; co cal, convértese nunha ferramenta que xera múltiples beneficios, tanto internos como externos, que debería integrar calquera organización (independentemente do seu tamaño) na súa política empresarial de forma voluntaria.

Á hora de elaborar o Diagnóstico deberá indicarse a data de inicio e de fin da recollida de información, así como a data de realización do Diagnóstico, e as persoas e empresas que interviñeron na súa elaboración.

Nas medidas que integren o plan débese realizar un calendario o máis concreto posible establecendo en que momento se vai poñer en marcha e durante canto tempo se vai levar a cabo cada medida.

Á hora de elaborar o diagnóstico da situación de igualdade na empresa, débense desagregar os datos por sexo, e é conveniente que correspondan polo menos aos últimos 3 anos, para poder apreciar a evolución da empresa. Tamén é recomendable reflectir os datos en táboas e gráficos en termos absolutos e relativos.

Pode ser necesario contar co asesoramento técnico de persoas expertas en materia de igualdade entre mulleres e homes ao longo de todo o proceso ou nalgunha das súas fases e actuacións de sensibilización, formación interna, elaboración do diagnóstico, definición de indicadores de mellora ou desenvolvemento de procedementos.

Respecto á vixencia do plan, esta debe ir en función do calendario de traballo e de medidas establecido, e deberá ser determinado polas partes negociadoras, pero non pode ter unha vixencia de máis de 4 anos.

Se se solicita unha subvención para a súa elaboración débense ter en conta, entre outros, os seguintes aspectos: os prazos de concesión ou resolución, o prazo de xustificación e os requisitos documentais para a súa xustificación.

O Rexistro do Plan de Igualdade é obrigatorio e debe realizase a través do REGCON, polo que, unha vez iniciado o proceso de elaboración do Plan, débense coñecer os prazos e requisitos para facelo.

Á hora de abordar a elaboración do diagnóstico e plan de igualdade, é importante fomentar a comunicación constante e permanente do desenvolvemento do proceso, a través da cal buscar a implicación e participación de toda a estrutura de persoal, co fin de adaptar as medidas incluídas no plan ás necesidades e particularidades da organización.