A situación de partida na que se atopan as mulleres no mercado laboral vese condicionada pola gran cantidade de barreiras sociais e culturais (froito dos estereotipos e roles de xénero) ás que se teñen que enfrontar día a día e que se materializan na división sexual do traballo. Como consecuencia, as mulleres incorpóranse ao mercado laboral en peores condicións que os homes, desigualdade que se fai aínda máis evidente nos núcleos de poder e de toma de decisións.

Doutra banda, a falta de corresponsabilidade implica que as mulleres se vexan obrigadas a dedicar menos tempo a si mesmas e moito máis tempo aos demais que os homes, o que supuxo unha sobrecarga para as mulleres que lles está pasando factura a todos os niveis (de saúde, laboral, económico, social, etc.).

Por todo iso, ponse de manifesto a importancia da conciliación da vida laboral e familiar, é dicir, a posibilidade de compatibilizar o traballo remunerado coas tarefas domésticas e as responsabilidades familiares; e mesmo estender esa conciliación á esfera privada das persoas e a dispoñibilidade de tempo libre para o desenvolvemento persoal, falando de maneira ampla de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A igualdade de oportunidades, a calidade de vida, a valorización do espazo doméstico, a promoción do tempo de lecer, a utilización autónoma do tempo por parte da cidadanía son os elementos que definen a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Unha conciliación que non debe ser vista como un problema privado ou como unha cuestión exclusiva de mulleres, senón como un tema que afecta a toda a sociedade e que, como tal, debe contar cunha resposta social. Un modelo de vida onde mulleres e homes se relacionan desde a igualdade é beneficioso para o conxunto da sociedade. E para lograr esa igualdade é necesario un cambio de mentalidade, social, estrutural e unha implicación directa dos homes.

As institucións públicas debemos potenciar medidas sociais de apoio que faciliten a mulleres e homes compartir en igualdade a vida persoal, familiar e laboral, e reflexo diso son os textos normativos elaborados pola Unión Europea (UE), e mesmo España conta cunha lei concreta para abordar este tema (Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.). Con todo, a lexislación non é suficiente. É, por tanto, necesario promover un cambio de estruturas socioeconómicas que posibilite que dita conciliación sexa real e efectiva.

Para iso propoñemos nesta apartado información sobre as medidas de conciliación que, de forma voluntaria e a maiores das que por lei son de obrigado cumprimento, poden adoptar as empresas, así como as axudas e subvencións que poden solicitar para a súa implantación.