Medidas que se activan por situacións puntuais da empregada ou empregado e que supoñen modificacións do posto de traballo.

Adaptación do posto de traballo.

A empregada ou empregado continúa no seu posto de traballo pero a carga e as responsabilidades adáptanse temporalmente para poder atender as súas necesidades persoais transitorias. Por exemplo, a unha persoa traballadora que teña un posto de comercial que implique viaxar diariamente para visitar as empresas, e por hospitalización dunha persoa familiar teña que acudir todos os días á hora de información médica e ás horas de visitas, encomendarlle durante o tempo que dure a hospitalización atender á clientela da localidade do hospital.

Rotación do posto de traballo.

Á persoa traballadora dáselle temporalmente un posto cuxas características se adaptan mellor á relación carga/responsabilidade tendo en conta necesidades puntuais. Por exemplo, unha persoa que exerza de caixeira polas tardes nun supermercado pode, por circunstancias familiares puntuais que lle impiden traballar na quenda de tarde, solicitar un traballo con outro horario e pode ser destinada a un posto de reposición de produtos (que se realiza pola mañá) para axudarlle a facer fronte a esa situación temporal.

Traslados e redistribución dos postos de traballo.

A empresa pode facilitar a unha persoa empregada o achegamento do centro de traballo ao seu domicilio ou redistribuílo noutro para faciliar o traslado a un determinado posto de traballo. Tamén podería facilitar a flexibilidade de realizar o traballo desde o domicilio para promover o achegamento das persoas dunha mesma unidade familiar.